Monday 06 de May de 2024

A Ría de Muros Noia estrea unha axenda de eventos e actividades


A axenda está dispoñible no sitio web www.riademurosnoia.com e na canle de TV interna do Xeodestino e incorpora información dos cinco municipios que o compoñen

O Xeodestino Ría de Muros Noia ten como un dos seus obxectivos a dinamización e fomento da riqueza desta ría a través da potenciación da actividade turística dun xeito sostible. Por iso, vén de poñer en marcha dúas novas ferramentas para facilitar tanto ao visitante como aos residentes na comarca toda a información sobre as actividades lúdicas, culturais e sociais na Ría de Muros Noia.

A primeira das medidas é a creación dunha nova sección na súa páxina web (www.riademurosnoia.com) na que recolle unha completa axenda de actividades nos cinco municipios do Xeodestino. “Para iso creamos unha ampla rede de contactos, non so nos concellos senón en todo tipo de entidades e asociacións da comarca para que a información flúa cara as persoas encargadas de manter a web ao día. Supón un gran esforzo de mantemento e actualización, pero a súa efectividade está fóra de toda dúbida”, explica Teresa Villaverde Pais, presidenta da Ría de Muros Noia.

Deste xeito, tanto o potencial visitante como o residente na comarca teñen acceso a unha gran variedade de propostas de ocio, presentadas dun xeito atractivo e interesante a través dunha web que conta cun elevado tráfico de visitas. Un volume de interaccións que se agarda incrementar con este novo servizo, que tamén ofrece ao visitante a posibilidade de subscribirse ás novidades que se produzan. “Este novo servizo beneficiará a todo o sector turístico da ría: aloxamentos, restaurantes, empresas de actividades turísticas xa que, ademais, os seus datos de contacto tamén están recollidos na páxina web e facilitarán o contacto cos potenciais clientes”, adianta Villaverde Pais.

A segunda das medidas adoptadas é o incremento dos puntos de acceso ao canal interno de televisión do Xeodestino Ría de Muros Noia. Durante os últimos meses instaláronse grandes pantallas de televisión en todos os concellos do xeodestino, así como noutros centros de información turística como a antiga fábrica Sel (Muros) ou o museo das Minas de San Finx (Lousame).

Estas televisións emiten de forma continua información sobre os distintos atractivos da Ría de Muros Noia, cun atractivo sistema de carátulas diferenciadoras que proporcionan unha información sinxela útil e directa. Un servizo que en próximas datas chegará tamén á oficina de turismo do estaleiro Ciprián de Broña (Outes).